|
( Traballo realizado polos alumnos e alumnas de 6ºB na asignatura de Lingua Galega)
O Entroido é unha festa popular que se celebra para indica-lo final do inverno e o comezo da primavera. Nela ironízanse os feitos que ocorreron ó longo do ano con disfraces e comparsas acompañados de música. Os entroidos máis famosos do país son, sen dúbida algunha, os ourensáns de Laza, Verín e Xinzo.
Descoñécese a súa verdadeira orixe, algúns pensan que é da época dos celtas, outros afirman que os comezos desta festa pódense atopar na adoración ós deuses Baco ou Dionisos.
No Entroido, os días máis sinalados ou tamén chamados períodos da esmorga eran:
- Domingo Fareleiro ou Borralleiro que coincide co domingo de septuaxésima e nesta data era costume que os veciños se manchasen os uns ós outros con “borralla” ou “farelo”.
- Xoves de Compadres. Día no que se realiza unha loita entre sexos, as mozas fabrican bonecos que representan ós homes e tentan queimalos, mentres os mozos intentan sacárllelos.
- Domingo Corredoiro ou Oleiro, data na que se realizaban celebracións moi diferentes segundo os lugares, tradicionalmente era cando se facía a corrida do galo.
- Xoves de Comadres, ó revés do de Compadres, son os mozos os que fan os bonecos con forma de muller e son elas as que loitan por llelos sacar.
- Domingo de Entroido, día no que comeza a festa maior.
- Martes de Entroido, data na que se celebran os “Testamentos” do Entroido e entérrase a representación da festa.
- Mércores de Cinza, día no que todo remata e celébrase en moitas vilas e aldeas o “enterro da sardiña”.
O disfraz, normalmente era roupa vella, moi vella, que se atopaba na casa fóra de uso. Os disfraces máis comúns eran:
- Os “Curruvellos” eran homes e mulleres que ían vestidos con roupa vella e coa cara tapada cun pano ou carauta, tamén levaban paos. Dedicábanse a visitar ós amigos e coñecidos. Pasado o Entroido discutíase quén era o curruvello e incluso facíanse apostas.
- As Madamas e os Galáns formaban as parellas de “Bonitos”, vestían uns disfraces moi elegantes. Ademais da elegancia que os caracterizaba eran bos bailadores.
- A “Fera” que ten algunhas variantes. Entre elas había unha que semellaba a “Coca” de Redondela, que estaba feita cun armazón de varas de salgueiro cubertas con tea. A figura podía ter unha silueta “dinosauria” e simbolizaba o mal que se queimaba no “enterro da sardiña”.
Durante o Entroido un dos xogos máis estendidos era a “Corrida do Galo” que tiña moitas variantes. Nalgúns lugares atábase o galo a unha corda e os que querían participar no xogo tiñan que pagar. Despois colocábanse a unha distancia determinada cos ollos vendados e cun machete na man para intentar ferir ó galo. Gañábao para si o que conseguía ferilo no seu intento. Noutros lugares entérrase o galo, deixándolle a cabeza fóra, e ó seu redor colocábanse os “guardiáns” para impedir que o roubasen. Se o que roubaba o galo escapaba dos “guardiáns” quedábase con el, pero se ninguén o roubaba, os “guardiáns” podíano comer.
Dentro da filosofía do Entroido estaba comer e beber ata o límite. En Galicia a comida sempre foi un elemento fundamental, nesta época a comida era a base de porco: a cachucha, o rabo, o lacón con grelos, chourizos,...e como postre había filloas, orellas e chulas.
|