|
Recentemente o mestre Pablo Pineda impartiu en Lugo unha conferencia organizada pola Fundación Caixa Galicia no marco do seu programa Viradeiras, co que quere dar a coñece-lo traballo das asociacións coas que colabora.
O pasado 26 de febreiro visitou Lugo o mestre malagueño Pablo Pineda, colega noso cunha admirable traxectoria persoal, académica e profesional no eido das discapacidades.
Veu impartir unha conferencia na aula de cultura da Caixa Galicia, disertando en liñas xerais sobre o longo camiño a percorrer cara á integración e normalización destas persoas nos ámbitos familiar, académico, profesional e social. Falou de esforzo persoal na superación das barreiras físicas e mentais coas que se enfrentan cada día. Salientou o papel fundamental da familia e do valor da esixencia frente á sobreprotección, da necesidade de normalización e de concienciar á sociedade superando os tópicos que aínda subsisten en moita xente respecto da discapacidade.
Coas súas anécdotas fixo rir e tamén emocionou por momentos a un público formado maioritariamente por persoas discapacitadas, familiares e algún profesional do ensino e de servicios sociais, así como membros de asociacións. Pero notouse a falta de autoridades educativas e de representantes da política local que deberían ter asistido.
A min engaioloume, teño que dicilo, este profesor de 32 anos co seu discurso fluído (malia que a súa lingua se trabase algunha vez) e unha axilidade mental admirables, capaz de transmitir entusiasmo e esperanza, cun poder comunicativo e de seducción que animou a un membro do público a suxerir que entrase no mundo da política para continuar dende ela o seu labor de concienciación e chegar mellor ós que moven os fíos da eliminación de barreiras.
Volverei, se teño a oportunidade, asistir a outra conferencia de Pablo, espero que a próxima veña xa en calidade de licenciado en psicopedagoxía, título que acadará pronto e co seu esforzo, como sempre.
Esta noticia non tería moita relevancia de non ser por un pequeno detalle que esquecín mencionar, e que seguro que xa coñecedes. Pablo Pineda é síndrome de Down, como el mesmo di, o primeiro Down que da conferencias, o primeiro Down mestre, o primeiro Down universitario.
Pero só o primeiro.
|